O oficio de tratante poderíase equiparar ao que hoxe en día é un comercial, xa que podemos definilo como a persoa que trata ou comercia con algunha mercadoría, en particular a que trata con gando.

Ventura Pérez Cambeiro, tratante. Foto de Jorge Casanova, La Voz de Galicia.

Ventura Pérez Cambeiro, tratante. Foto de Jorge Casanova, La Voz de Galicia.

Antigamente o habitual era que o cabeza dunha familia na que se tivese gando para a cría, se encargase de vender ou intercambiar os animais nas feiras para obter un beneficio, ben monetario ou ben económico (incremento do rabaño, mellora da raza, …).
A venda adoitábase a realizar nas distintas feiras dos pobos. Antigamente todas as feiras dos pobos incorporaban este tipo de actividade, hoxe en día, esta tradición caeu en desuso a causa dos elevados prezos dos pensos, a que cada vez menos xente se dedica a actividades gandeiras, xa sexa para comerciar ou como subsistencia, e a que nelas as transaccións se debían realizar ao contado (hoxe os paquetes de billetes na meirande parte dos casos son substituídos por cheques).
A bondade dos tratos dependía da habilidade do tratante, ao que se lle requirían, entre outras, aptitudes coma carisma, autoconfianza, autocontrol e empatía, de cara a acadar o trato. Eran moi frecuentes os regateos, polo que o prezo inicial do gando era alto, para así poder ter marxe de negociación.
Pero aínda non sendo moi habituais, cada vez hai máis xente nova, que, tendo tradición familiar e, ante a situación actual do mercado laboral, decide dedicarse a esta actividade, facendo perdurar este oficio.

Na actualidade galega aínda quedan algunhas feiras de gando, en Silleda, en Santiago, nas Rías Baixas, pero sobre de todo na provincia de Lugo, como a feira anual de gando vacún que ten lugar en Pedrafita do Cebreiro o terceiro domingo de setembro, a feira de gando de Espiñeira, en xuño, o domingo anterior ao San Xoán, ou a da Fonsagrada o 8 de setembro, entre outras.
Que me dicides… imos de feira?