Na antigüidade era complicado conseguir tecido, por isto, un medio para obter fíos cos que tecer nos teares para facer prendas de téxtil, e tamén unha vía para o comercio, era a fabricación de fío a partir do liño. Este procedemento, realizado en toda Galiza, ten un procedemento similar pero connotacións e apeiros distintos dependendo da zona na que nos atopemos, polo que vos imos contar un pouco cómo se facía na provincia de Ourense.
Cara o mes de abril, unha vez preparada a terra e secadas as sementes do liño ao sol, as mulleres sementan o que, tras moitos traballos, acabará por ser un fío a traballar nos teares.
Chegado o mes de xullo está listo para a colleita. O liño arríncase en pequenas madas, sacudíndoas para deixalas ben limpas e dispoñéndoas en cruz.
Unha vez recollido, debemos separar a bagaña do calo, é dicir, debemos debullar as plantas, para o que se emprega un ripo, e despois volvemos a poñer as plantas en feixes para levalas ao pozo. Déixanse en auga as plantas unha ou dúas semanas para que fermente e separar máis facilmente a fibra do calo. Unha vez fermentan, sácanse do pozo e póñense a decorrer. Xa ben secas, procédese ao espadelado e asedado, co que se separa a parte leñosa das fibras, que é a que se emprega para facer o fío.
Polo mes de santos e ata o entroido, na época de frío, tiñan lugar os fiadeiros, exemplo de como se conseguía facer dun traballo un momento festivo. As fibras, xa libres da casca, enrolábanse nuns paus e rocas, cun fuso ou mazaroca, íanse estirando e enroscando as fibras, converténdoas en fío de liño, que despois se sacarán do fuso e se ensarillarán, obtendo as “meadas”, que despois se cocerán nun pote cun oso e cinza, e se lavarán e branquexarán varias veces xa nunha nova primavera. Ao obter un fío en ton beige, sacarase o novelo de liño coa axuda da debanadoira e será, a partires dese instante cando se poderá tecer esa tea que se sementou un ano atrás.
Xa nos teares, colocaranse os novelos nun caixón, separados un a un, e, para que non se enmarañen, faranse pasar os extremos dos novelos polos buratos da tapa do caixón, pola espalladeira, e polo urdidor, o que lle da ao fío unha lonxitude determinada que, colocado no tear, será a alma do tecido. Os fíos na urdime ordenanse formando dúas cruces, unha en cada extremo. Nunha das cruces os fíos sepáranse dun en un. A outra realizase con todos os fíos xuntos, aos que chamamos “cadillos”, onde se vai levando a conta do número de fíos. Atadas as cruces retírase a urdime facendo con ela un trenzado. Lévase a urdime cara o tear, onde se coloca axeitadamente, e, unha vez preparado o tear, coa axuda dun peite, que se vai pasando dun lado a outro, vaise acadando tecido.
A pesares de que cada vez hai máis artesáns que pretenden que non se extinga esta forma de tecer, a forma de acadar o fío de liño de xeito tradicional está a se extinguir.
Que me dicides!…Axudádesnos a recuperala?
Deixe o seu comentario