De cara a pór fin ás vacacións de Semana Santa, e, agardando que gozásedes dalgúns dos actos que tiveron lugar, presentámosvos hoxe o oficio de “chorona”.

plañidera

Fonte: nolloreustedsolo.blogspot.com

As choronas, ou mulleres ás que se lles paga por chorar nos funerais, existiron desde tempos ancestrais, probablemente ligadas a relixión e á necesidade de consolo dos que sofren a perda. Atopamos ap
untes históricos deste oficio xa na Grecia Antiga ou en Roma, aínda que se presume que é un oficio que se orixinou en Exipto. Este oficio de seguro chegou a Galicia probablemente da tradición do culto aos mortos ou do cristianismo, xa que topamos constancia da súa existencia xa no Antigo Testamento (Jer. 9:17). Atopamos tamén
exemplo da súa pegada na nosa cultura a través da parodia que fan deste oficio no «Enterro da Sardiña», que ten lugar para despedir o Entroido.

Aínda que hoxe en día o arraigo da relixión católica e moito menos notorio na sociedade galega, a que a necesidade de deixar constancia pública da dor é moito menor, e a que o nivel cultural da poboación variou notoriamente, habendo incluso funerais nos que non se admite duelo, non hai tantos anos que nos funerais galegos se adoitaba, non só a recorrer a este tipo de oficio, senón tamén a seguir unha serie de rituais coma o luto (vestimenta negra), a pagar misas polos defuntos, ou a demostrar publicamente a dor da forma máis notoria posible, a modo de desafogo ou para demostrar ao mundo a dor que se sentía pola perda.

Cando alguén falecía contratábanse a mulleres para que chorasen e fixesen público o queixume e a dor da familia; entre máis importante ou adiñeirado era o defunto, máis choronas acudían ao funeral. Naqueles tempos, ademais de chorar, adoitaban levar un vaso onde depositaban as súas bágoas como unha demostración do status da persoa falecida e a fonda dor que provocaba nos seus achegados. Outra das razóns polas que se contratan mulleres para chorar nos funerais, consistía en que as bágoas liberadoras confortaban a quen vivían a dor que a morte lles deixaba, e as choronas acompañan aos vivos lamentando a súa perda, dándolles apoio moral e augurándolles un afortunado camiño espiritual á alma que se dirixe a outras dimensións.

Podedes atopar máis información sobre este tipo de figuras no libro de Pilar Freire Sánchez, “Morir en Galicia. Velatorios, plañideras y Santa Compaña”, e, aínda que hoxe non son tan habituais, aínda existen choronas profesionais, tendo incluso o seu oco en internet: nolloreustedsolo.blogspot.com.es.

Que me dicides, coñecedes algún exemplo da supervivencia deste oficio?