O patrimonio cereiro de Galicia é único, xa que conta con moitos elementos vinculados á apicultura, dende a elaboración da mel ata os lagares de cera.

Atopamos colmeas tradicionais esparexidas por moitos fogares do rural galego, tendo como principal obxecto a obtención de mel, labor dos apicultores. Pero, a maiores dese doce exquisito, as colmeas producían tamén un elemento moi apreciado polos cereiros: a cera de abella.

Os galegos fomos uns significativos produtores de cera de abella no sur de Europa, sendo moi famosos os de Terra de Montes ou de Covelo.

Lagar do museo do Paraño

Lagar do museo do Paraño

Os cereiros contaban con lagares de cera, que se empregaban para procesar os favos das abellas para conseguir grandes bloques de cera amarela, e que tamén albergaban os elementos empregados para a elaboración e transporte da materia prima da caldeira a ta o taco de prensar.

Eses bloques de cera, acababan en diferentes industrias como a do calzado ou para a elaboración de candeas.

Moitos branqueaban a cera aproveitando a acción do sol, esparexendo a cera en eiras ao aire libre, cubertas con lousas de pedra. Cando o cereiro dispuña da cantidade suficiente de cera amarela, arranxaba os utensilios e o curadoiro, despois prendía lume dentro dunha estrutura para derreter a cera. Ao mesmo tempo, colocaba unha pía de branqueo chea de auga, que dispuña dun rolete de madeira medio mergullado, unha estrutura de madeira ou de lata perforada que fai de coador mediante unha serie de buratos finos polos que o artesán facía caer a cera previamente derretida. Cando a cera estaba derretida, dábaselle voltas ao rolete con intensidade, mentres o cereiro collía a cera cun cazo e botábaa na estrutura de madeira enriba do rolete. Comezaban a caer unha serie de fíos de cera sobre o rolete, que solidificaban co contacto coa auga fría. Formábanse así unha sorte de lascas que se recollían e se colocaban en cestas, as que, unha vez cheas, se esparexían polas eiras ata rematar a cera amarela. Coa radiación solar a cera tornaba de amarela a branca en aproximadamente oito días, tendo que darlle a volta á cera aos 3 ou 4 días.

Unha vez coa cera preparada, os cereiros elaboraban as candeas e os exvotos, axudándose dunha paila, un cazo cónico invertido de cobre, onde se derretía a cera, sobre a que se atopaba unha roda de madeira, onde o cereiro penduraba as mechas das candeas. Despois, cun cazo de cobre botaba un pouco de cera sobre o pábilo, dando forma as candeas, que despois se remataban na talladeira.

O oficio cereiro tradicional mantívose en Galicia ata a metade do século XX, momento no que a aparición a grande escala da parafina, un derivado do petróleo, desbancou a cera de abella e propiciou a desaparición do patrimonio apícola cereiro.

Que me dicides, algún cereiro que queirades destacar?