En Galicia temos a sorte de contar con múltiples manifestacións de Entroido cunha riqueza propia de sociedades agrarias como a nosa. Aínda que o epicentro deste tremor percutivo se atope en Ourense, as ramificacións chegan a todos os puntos da xeografía galega, de Tomiño a Paderne, e de Vilaboa a Pobra de Brollón. Esta celebración pon do revés os ciclos e roles cotiás achegándonos a esa esencia do animal social que ás veces esquecemos pero que nos reconcilia coa terra. 

Nós Diario

Claro está que este tesouro étnico debe ser preservado, divulgado e recoñecido, pero ás veces neste proceso corremos o risco de disociar manifestación, sentimento e senso comunitario en favor do espectáculo. Por poñer varios exemplos ao respecto. Os folións do oriente ourensán son unha manifestación etnomusical que resoa entre os profundos vales desta zona cando se visitan entre aldeas, e velaí está parte do seu senso comunitario e mesmo sensorial. Pero hoxe podemos ver folións en diferentes tipos de animacións, desfiles e mesmo nalgunha cabalgata de Reis, algo que fai que perda o seu senso caótico, libre e social para ser parte dun espectáculo alleo. Algo semellante sucede coas personaxes de diferentes entroidos, as cales se poden ver en diferentes espazos, lugares, pasacalles… en calquera época do ano ou celebración; mesmo en eventos organizados con un rigor cuasi-militarizado. De novo, o que facemos é arrancarlle a esencia etnográfica empoderándoos só dunha parte artística que lle resta rigor. 

Ollo! Con isto non quero dicir que non se teñan que divulgar as tradicións, nin facer promoción do propio. Ao contrario, os traxes poderán ser expostos e vestidos fóra do espazo temporal de Entroido, pero tentando non recrear o significado do mesmo no contexto que non lle é natural. Facendo unha metáfora, é como tentar ver un peixe fóra da auga. Segue a ser o animal de orixe, pero seco, sen vida, sen contexto interpretativo.

Asemade, os nosos entroidos levan anos poñendo nunha balanza o efecto turístico e o mantemento da tradición, desequilibrándose en moitas ocasións en favor do primeiro. Isto lévanos a escoitar da man da veciñanza autóctona, e así o teño evidenciado en Xinzo, Laza, Verín, Viana, Chantada ou Oímbra -entre outros-,  cuestións como «agora xa é mais dos de fóra que dos de aquí», «non respectan a tradición e escarállana», «iso é inventado polos de fóra», «non saben a onde veñen», «eu en tal hora non poño o traxe que hai moita xente»… e outras lindezas que non paga a pena reproducir. É así como moitas tradicións son readaptadas, modificadas, ou mesmo perdidas en favor do espectáculo público. 

En certa medida, a pandemia ten un senso positivo para a conservación dalgunhas tradicións deturpadas, e neste caso concreto, do ciclo do Entroido. O feito de non poder celebrar actos masivos levou a programar en 2021 pequenos actos simbólicos e intimistas, incluso clandestinos, que devolveron a picardía que inspira Don Carnal. No 2022, as diferentes comisións e organizacións optarán por retomar ese modelo no que os grandes actos quedan relegados a outros con corte máis simbólico, e onde se deposita nos veciños e veciñas a posibilidade de celebrar un Entroido creativo e popular. Deste xeito, e con rúas máis baleiras, as pantallas retomarán as súas carreiras en Xinzo, os folións retumbarán por terras de Conso-Frieiras, os Felos de Maceda ou os Troteiros de Bande visitarán as aldeas, e o oso de Salcedo interactuará máis coa veciñanza… 

En definitiva, ao meu humilde parecer estamos a darnos a oportunidade de vivir un Entroido de raíz, onde as tradicións sexan máis reais e contextualizadas ao seu senso territorial e comunitario. Nun futuro – agardemos que próximo– oxalá poidamos deixar atrás as restricións e permitir que farelos, cinsa ou fariña nos inunden as fosas sen a pantalla do cubrebocas en batallas campais sen orde algunha; pero mentres debemos quedarnos coa esencia deste período, o porqué da súa celebración e tomar a ocasión como unha vía para aprendizaxe. Porque como dicía Xocas, se non coñecemos a tradición propia, dificilmente entenderemos as alleas.

 https://www.nosdiario.gal/opinion/alexandre-sotelino-losada/entroido-tradicion-pandemia-oportunidade-perda/20220215120600137433.html

Autor: Alexandre Sotelino Losada

www.nosdiario.gal